sábado, 18 de novembro de 2017

Revista escolar 2016-17

No último número da revista escolar do noso instituto, correspondente ao curso 2016-17, podedes atopar todas as actividades do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

domingo, 4 de xuño de 2017

Comentarios Encontro María López Sández

ENCONTRO LITERARIO CON MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ

O luns 22 de maio, a creadora e entusiasta autora do libro O faro escuro, María López Sández, alumeounos a tarde coa súa visita.
Foi presentada por dous compañeiros que nomearon os diferentes premios que gañou,e comentaron a súa vida profesional. Logo, contounos todo o proceso da creación do libro, a visita a un faro como inspiración para a novela e demais curiosidades.
Sabiades que unha parte do libro foi escrita nun avión? De aí o accidente aéreo de Catalina na historia.
Finalmente, procedeu a asinarnos a novela con fermosas dedicatorias.
Espero poder vela outra vez. Para min é unha muller inspiradora para futuros escritores e moi agradable.
Ariadna Fieira Boquete, 2º ESO A

Tamén nos contou como se inspira para escribir os seus libros. Sempre leva un caderno pequeno onde fai anotacións e redacta algúns capítulos. Isto tamén o fai a ordenador. Un dos lugares onde a súa imaxinación flúe é o coche. Segundo ella, ás veces, cando estaba conducindo, tivera que aparcar o coche para poder anotar as súas ideas.
Ademais, tivemos ocasión de ver o caderno e, efectivamente, moreas de datos e capítulos do libro.
Unha das características como escritora é o seu gusto por detallar o espazo da historia, para que os lectores se embarquen nela.
Lucía Santiso Cardama, 2º ESO A

A charla que nos deu María López Sández, autora do libro O faro escuro, pareceume moi interesante porque nos deu a coñecer de onde sacou a inspiración para escribir este libro. Explicounos que se inspirou nunha acuarela dunha fareira, que escribira a primeira parte da novela cando viña de volta de Alemaña, que anotara unha gran parte do argumento nun caderniño que leva sempre consigo...
Normalmente, os lectores e lectoras non sabemos esta parte: de onde sacan a inspiración para escribiren; por iso me pareceu moi pouco corrente e á vez interesante que nolo contase.
Samuel Villaverde Rey, 2º ESO B


Premio Concurso Portada da Revista

Este venres fíxose entrega do premio de deseño da revista ParaIsoParaNós.

Presentáronse máis de 30 portadas e a gañadora foi Alba Vilariño Nogareda, de 1º de Bacharelato B, con este deseño.


Fíxoselle entrega dun vale-agasallo por valor de 60€ para gastar en libros, material escolar, audiovisual en galego ou material deportivo. Moitos parabéns!!!

 

Entrega premios Desafíos Matemáticos

Como sabedes, no mes de maio o Departamento de Matemáticas levou a cabo un concurso de Desafíos Matemáticos en dúas categorías.  Con esta iniciativa colaborou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, de xeito que o noso idioma estivese presente nunha actividade relacionada coa área científica, a cal, como sabedes, non se pode impartir en galego na aula.
Cada martes propoñíase un desafío matemático por categoría, o cal debía de ser resolto antes do xoves á hora do recreo. Durante catro semanas foron moitos os participantes e o pasado xoves tivo lugar a gran final entre tod@s @s finalistas para determinar a persoa que gañaría en cada categoría.

A gañadora na categoría B foi Andrea Ferreiro García e na categoría A Adrián Ovidiu Cocean.



Cómpre felicitar tamén a todas e todos os finalistas!!!